Buscar
jueves, 25 de abril de 2024 02:04h.

Periodistas con opinión: Victoria Armesto

María Victoria Fernández España e Fernández Latorre, Victoria Armesto, Totora –alcume herdado da súa nai–, Totorita… Unha xornalista con firma? É difícil atopar a unha con máis firmas. E non o é menos dar cunha profesional galega máis viaxeira e inqueda.

María Victoria Fernández España e Fernández Latorre, Victoria ArmestoTotora –alcume herdado da súa nai–, Totorita… Unha xornalista con firma? É difícil atopar a unha con máis firmas. E non o é menos dar cunha profesional galega máis viaxeira e inqueda. Unha xornalista, en definitiva, que soubo abrirse paso nunha sociedade doutro tempo, onde non era precisamente fácil que unha muller triunfase en Galicia.

Estamos ante unha xornalista con criterio e unha xornalista con opinión, polo xeral dacabalo entre liberal e conservadora, pero por momentos vangardista, cosmopolita, plural e sempre próxima, dada a súa capacidade de conexión cos seus lectores. En realidade, unha muller xornalista, política, historiadora, escritora e investigadora. Segundo o ex alcalde da Coruña Francisco Vázquez, “posiblemente, a coruñesa máis importante do século XX”.

>> Aproximación á figura da autora

Lémbroa, coma se fose agora, de visita en La Voz de Galicia dos anos oitenta, en Catro Camiños, na Coruña, pero sobre todo na súa casa, a Casa Grande de Xanceda (Mesía), preto de Ordes, nun medio rural que contrastaba co seu estilo urbano e cosmopolita. En realidade María Victoria era vista e non vista naquela casa estreada no verán do 68, porque Totora sempre ía correndo, sen que, curiosamente, iso lle impedise demostrar os seus bos modais, que se notaba ás leguas que eran de berce. Entón, María Victoria xa era máis política que xornalista, aínda que pensándoo ben ela nunca deixou de selo; seica se disfrazou de escritora para, sendo xente, contarlle á xente o que lle pasaba a outra xente. A definición de xornalista de Eugenio Scalfari, o fundador do diario italiano La Repubblica, encaixa como anel ao dedo na man de Victoria Armesto, que sabía mirar máis aló do que vían outros, mantendo o sorriso do que sabe. Sentíase apreciada, tamén querida, pero tiña os seus receos. Ata en La Voz de Galicia, onde ela mantiña a súa cota de poder, que lle viña de familia, pero non impuña os seus criterios. É verdade que, daquela, todas as súas preguntas como parlamentaria recollíanse no diario, do mesmo xeito que os seus artigos –en ambos os casos de xeito destacado– pero non o é menos que o seu xornal era entón un medio sereno e plural, baixo a dirección do mestre Juan Ramón Díaz, cuxa testemuña tiven o privilexio de recoller a finais dos anos noventa.

María Victoria Fernández España e Fernández-Latorre nacera na Coruña o 12 de xuño de 1925, polo que apenas puido darse conta na súa nenez do que supuxo a II República –nalgún momento escribiu sobre o seu vago recordo da crispación das clases sociais menos favorecidas e do recordo de ver fumar na súa casa a Gloria Pérez, a muller do presidente Santiago Casares Quiroga–, aínda que si dos sufrimentos que trouxo consigo a Guerra Civil (1936-1939), xa que para entón tiña máis de dez anos: “No mes de xuño do 36 fixen, coa miña familia, a viaxe en automóbil do Escorial á Coruña, un traxecto entón erizado de dificultades tanto para o estado da ruta como por algunhas avarías dun vehículo que pronto sería requisado e que desapareceu para sempre da nosa contorna (…). Ao pasar polos pobos casteláns e xa en menor medida polos galegos observaba eu como grupos de persoas levantaban o puño ao paso do noso automóbil. Ocasionalmente, outras xentes estendían a man no novo saúdo fascista, pero eran menos que os primeiros. Algunha que outra pedra abolounos o capó (…). Do Alzamento en si pouco recordo (…). Comprendía que estabamos vivindo unha guerra entre dúas forzas antagónicas”.

O detalle dos cigarros da muller de Casares Quiroga parece que lle quedou gravado. Quizá por iso, nunha das súas primeiras crónicas desde Nova York, onde estivo de correspondente, subliñaba un tanto sorprendida que “a muller americana consome moitos máis pitillos que os homes”.

Poucas veces dáse un nacemento no mesmo lugar que un vai elixir para a súa profesión, segundo escribiu sobre ela o xornalista e historiador coruñés Carlos Fernández, quen sostén que pode que haxa alguén que a coñeza igual, “pero máis que eu dubídoo”. Carlos Fernández refírese, obviamente, a que Victoria Armesto veu ao mundo no edificio do xornal La Voz de Galicia, na travesía de Montoto, esquina á rúa Santiago, onde estaba a antiga Porta Real da Coruña. No seu libro Victoria Armesto. Escritora, política e xornalista, Carlos Fernández recorda tamén que Totora sería ata a súa morte, en 1999, unha persoa delgada, debido a un metabolismo que a mantivo sempre nun peso mínimo e que ás veces lle fixo sufrir pero tamén ser moi elegante, ata o punto de que dito autor defínea na súa mocidade como “unha beleza europea moi da época, mestura de Greta Garbo e Ingrid Bergman”. A propia xornalista escribiría respecto diso: “Tiven a sorte de nacer bonita e aínda máis sorte de non haberme preocupado nunca por esta condición, de forma que a súa desaparición inevitable non me causará o máis mínimo tormento”.

María Victoria chamábase como a súa nai, que era filla do fundador de La Voz de Galicia, Juan Fernández-Latorre, falecido en 1912. O seu pai foi José Fernández-España e Vigil, que perdeu a vida nun accidente cando ela ía cumprir dous anos. A súa nai estivo viúva ata 1931, ano no que casou con Emilio Rey Romero, pai de Santiago Rey Fernández-Latorre, o actual propietario e editor de La Voz de Galicia. Outros irmáns seus foron María Josefa Fernández-España e Emilio e Paloma Rey, esta última melliza de Santiago Rey.

A vida quixo que como xornalista coñecese a ingleses e alemáns mellor que sendo nena. Resulta que de pequena lles tiña teima aos británicos e xermanos que, “desembarcados de barcos de pracer” na Coruña, arroxábanlles aos golfiños da cidade uns soltos que os rapaces “disputábanse como cans, nos chans do peirao”. Pasados os anos, a María Victoria convertida en Victoria Armesto conviviu cos alemáns en Bonn, a entón capital federal, onde fixo boas amizades, entre elas, curiosamente, o embaixador inglés en Alemaña, Frank Roberts. Outras amizades súas da Alemaña de postguerra foron o pintor Werner Peiner, que pintou un retrato de María Victoria con mantilla española, e o comandante Engel.

>> A súa formación xornalística

Tras cursar o bacharelato na Coruña, María Victoria estudou desde 1946 a 1949 na Escola Oficial de Xornalismo de Madrid. Durante o seu período de formación xa colaborara en La Voz de Galicia, onde chegou a entrevistar a Gala Murguía, filla de Rosalía de Castro.

María Victoria Fernández-España foi unha boa estudante e saldou os seus estudos de Xornalismo con altas cualificacións. “A miña formación –chegou a escribir– foi a tradicional para as mulleres dunhas determinadas clases e por iso considérome longamente autodidacta con todas as fallas e limitacións inherentes a esta condición”. O xornalista Emilio Merino, que foi director de Hoja del Lunes da Coruña, recordábaa así: “Desde moi nova puxo de relevo unha notoria agudeza narrativa”.

A pesar de cultivar a crónica social e por momentos costumista, tamén se arrincou pezas de carácter político, ás veces contracorrente. Aínda co dictador Francisco Franco vivo, Victoria Armesto atreveuse, por exemplo, a pór en valor a Castelao, que para ela expresaba “a saudade dous emigrados pola terra lonxana e endexamais esquecida”. Noutros artigos tamén defendeu o galego, a lingua propia de Galicia, ás veces para defender o seu uso –“Acerca de la conveniencia de hablar gallego”, titulou unha das súas columnas– e outras para reprobar ao franquismo polo seu desprezo dos valores culturais e idiomas como o galego.

Na súa formación foi determinante o seu paso profesional por diferentes países. Un parágrafo dun dos seus artigos é máis que revelador: “A diferenza entre a falsa moral do franquismo e os principios democráticos acusábase para aqueles españois que, como era o noso caso, vivimos longas décadas nos Estados Unidos, Inglaterra e Alemaña. Nestes países, España e o seu peculiar sistema eran obxecto de constante crítica”.

>> Datas claves da súa traxectoria

Medios nos que desenvolveu ou seu labor profesional

María Victoria Fernández-España empezou a publicar de xeito regular en La Voz de Galicia en 1949, polo xeral baixo o título “Madrid”. Tratábase de crónicas urbanas e costumistas. Pero pronto cambiaría a súa vida e o seu traballo, baixo o común denominador do xornalismo.

Naceu rodeada de xornalistas e creceu con xornalistas. Ata en parella. Ao xornalista ourensán Felipe Fernández Armesto, que sería o seu marido, coñeceuno por mor de facerlle unha entrevista. Segundo lle confesou a Carlos Fernández, de Augusto Assíaengaiolouna especialmente a súa irresistible personalidade, que absorbía, ou anulaba, os seus defectos”. Nacido na Mezquita (Ourense), Augusto Assía, como adoitaba asinar as súas crónicas, comezou a exercer o xornalismo en 1924, con colaboracións en xornais como El Pueblo Gallego, Informaciones, El Sol ou ABC e a revista Nueva España. Posteriormente, incorporouse, como correspondente en Alemaña, ao xornal barcelonés La Vanguardia, para o que escribiu durante 58 anos, ata 1986. Foi correspondente deste xornal en Londres, Bonn e Wáshington, onde compaxinou este labor como agregado de prensa da Embaixada española. Faleceu en febreiro de 2002, aos 97 anos de idade, e foi enterrado na Igrexa Divino Pastor de Xanceda (Mesía). Ao funeral asistiron o presidente da Xunta de Galicia, Manuel Fraga; o alcalde da Coruña, Francisco Vázquez, e o intelectual Isaac Díaz Pardo, entre outros persoeiros.

María Victoria e Felipe casáronse o 15 de agosto de 1950, no pazo familiar de Miraflores. Desde entón, María Victoria asinou os seus artigos e libros como Victoria Armesto. El sempre lle chamou “Totora, Totoriña ou darling”. Entre os seus agasallos de voda, unha casa antiga, do século XV, en Vigovidín (Almeiras), de parte da nai da noiva. Con todo, foise a vivir a un hotel e pouco despois a un apartamento en Nova York, onde o matrimonio de xornalistas instalouse en setembro do 50. As súas crónicas para La Voz de Galicia chegan, primeiro, baixo o título de “Carta de Nueva York” e, posteriormente, “Carta de América”.

Outros medios nos que pronto comezou a publicar foron o diario madrileño Pueblo e revista Semana, cabeceiras que se cadra lle achegaron máis popularidade. Agora ben, ela si escribía para La Voz, a diferenza do seu marido e mestre, Felipe Fernández Armesto, Augusto Assía. Este explicoumo con calma e quizá tamén con algo de esaxeración unha tarde de primavera en Xanceda: “Xamais escribín para La Voz de Galicia. Outra cousa é que La Voz reproduza os artigos que envío a La Vanguardia”. O marido de Totora –ou Totoriña, como el lle dicía, cun agarimo que resultaba melancólico–, era todo un personaxe. Falaba de Churchill chamándolle Winston, mentres evocaba os seus paseos por Londres cun dos grandes protagonistas da Segunda Guerra Mundial, e facíao coa mesma naturalidade que mandaba calar a algunhas amigas de Totora da vella sociedade coruñesa a quen lles custaba admitir que no xornal de María Victoria puidese traballar un novo xornalista que non fose de Alianza Popular. “Aquí nesta casa non se lle pregunta a ninguén de que partido é ou deixa de ser”, sentenciaba o veterano mestre de xornalistas. En parte, mestre tamén da súa muller, á que lle levaba vinte anos.

Aínda que foi ela a que fixo carreira política, Victoria Armesto foi máis ben unha relevante xornalista social, con moita capacidade para chegar á xente, ás veces simulando ser inxenua. O analista político de fondo era o seu marido, curtido en mil batallas de guerra, espionaxe e diplomacia. Pero sobre todo de democracia. Claro que, nun momento dado, Assía tamén estivo a piques de ser candidato da coalición de Manuel Fraga por Ourense, aínda que a última hora declinou o ofrecemento de CD, por entender que non era “compatible” a liberdade de escribir coa pertenza a unha formación política.

Se algo caracteriza a esta parella de xornalistas galegos é que foron pioneiros dunha dereita moderna, democrática, ao estilo de calquera partido conservador europeo, sen vinculacións coa dictadura. Por iso era tan distinto falar con eles e con outros personaxes da súa época, aos que se lles notaba a caspa do franquismo. En Xanceda, xa de retirada, el dicía sentirse “un ser humano que se acha o máis próximo posible ao can, o meu animal favorito, con cuxa compañía gozo” pero en Nova York ou en Londres fora o xornalista español de referencia para moitos daqueles que en España non gozaban aínda de liberdade. De todo iso tamén bebeu Victoria Armesto, aínda sen chegar a recibir no estranxeiro condecoracións do nivel das de Assía. En Galicia foi distinto, xa que María Victoria obtivo, entre outras, a medalla Castelao, o Pedrón de Ouro e foi invitada a pertencer ao Instituto de Estudos Coruñeses José Cornide. Segundo Agustín Sixto Seco, durante moitos anos presidente do Padroado Rosalía de Castro, María Victoria foi unha das artífices, a finais dos anos 60, da restauración da que agora é casa-museo de Rosalía de Castro.

Tanto Victoria Armesto como Augusto Assía tiveron que sortear e nalgún caso sufrir a famosa e controvertida lei de Prensa de Fraga, a quen, por contradictorio que pareza, terminarían unidos politicamente, sen que antes e despois tivesen problemas. Unha das súas pillarías para esquivar a censura previa foi o uso da carta ao director, xa que esta fórmula estaba sometida a menos controles que os artigos xornalísticos convencionais. Non só sabía de censura e xornalismo. Nun momento no que aínda se discutía sobre a cor nos diarios, Augusto Assía xa o tiña claro, moi claro: “Se o Times de Londres dá fotos en cor na súa primeira páxina, todos os xornais do mundo serán en cor”. E así foi. Tamén sabía vivir: “Conseguín o ideal dastrade unions de Inglaterra: traballar só catro días á semana”.

María Victoria foi nai o 2 de xaneiro de 1953, data de nacemento de Juan José, bautizado na catedral neoiorquina de San Patricio. Co tempo, o seu fillo sería presidente da Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV). Xunto ao seu marido, a xornalista coruñesa vai coñecendo a relevantes personaxes daquela época, tanto da política como da arte. Así se van mesturando nas súas vidas apelidos tan emblemáticos como os Kennedy ou Dalí. A iso tamén contribúe o nomeamento de Felipe Fernández Armesto, o 12 de abril de 1954, como agregado de prensa da Embaixada de España en Wáshington, sen que por iso tivese que interromper os seus artigos en La Vanguardia.

De Wáshington, a parella trasládase a Europa no verán de 1955, onde Augusto Assía desenvolvería o labor de correspondente en Bonn de La Vanguardia e Victoria Armesto en La Voz de Galicia. Así é como os lectores galegos decátanse do que ocorre en Alemaña. As crónicas de María Victoria en La Voz de Galicia teñen un gran eco entre os lectores, que se asoman ao que acontece na Alemaña de mediados dos anos 50. Nunha das súas crónicas, comenta: “Hai aquí uns 250.000 norteamericanos e os rumores de que van reducir o número causa alarma entre os alemáns”.

Victoria Armesto utilizaba unha linguaxe sinxela e amena e escribía sobre todo tipo de temas. Un dos asuntos máis recorrentes nos seus textos era que España debía integrarse na Europa libre occidental. Baixo o paraugas de “Cartas desde Alemania”,as súas crónicas tamén deixaban espazo para o drama social da emigración. Nun dos seus artigos titulado “Morriña e frío”, describe: “Era unha mociña que tiña o rostro amoratado de frío. Esta rapariga carecía de abrigo e a pobre presentaba un aspecto de gran abandono. Que lle pasa a esta moza? Caeuse? Non –contestou unha amiga súa emigrante, tamén española e galega–; chora porque ten morriña, e desde que saíu de Galicia non cesou de chorar. Pouco despois decateime que esta pobre rapariga, que era dun pobo de Ourense, tiña que manter á súa nai (viúva), a cinco irmáns, a un irmán da súa nai que é atrasado mental e a unha avoa moi anciá”.

Tras pasar unha década en Alemaña, o matrimonio Armesto regresa a Madrid en 1966. Pouco despois, en 1967, Augusto Assía publica un artigo en La Voz de Galiciano que defende o galego. Segundo Assía, ao galego non é difícil que lle ocorra “non só na Igrexa, senón na Universidade, nos estratos sociais e nas oficinas públicas o que non fai máis que vinte anos ocorríalle aos negros nos Estados Unidos, onde non se lles deixaba entrar máis que pola porta de servizo”. Foi expedientado.

Estivese ou non en España, Victoria Armesto adoitaba escribir con frecuencia. Ás veces desde América, froito de viaxes nos que acompañara a Augusto Assía. Tras asistir como observadora ao congreso do PSOE de Suresnes, no que Felipe González fíxose co control do partido, fronte e os líderes históricos do socialismo, María Victoria emprendeu un camiño ben distinto: sumouse a Manuel Fraga, que entón dirixía un partido minoritario, aínda que con notable presenza en Galicia. Ela foi deputada pola Coruña e, como tal, accedeu a varios altos cargos na Mesa do Congreso. Tamén presidiu o PP na súa provincia e en 1986 abandonou o partido, en desacordo coa postura abstencionista de Manuel Fraga no referendo sobre a OTAN, que ela apoiaba. Tras pasar polo Grupo Mixto desembarcou en Coalición Galega e tivo a oportunidade de entrar no PSOE, pero finalmente afastouse da política. En 1988 foi designada vicepresidenta de La Voz de Galicia, onde deixou de escribir por mor da venda das súas accións, a mediados dos anos 90. Faleceu en Madrid o 10 de xuño de 1999. Por dous días non puido cumprir os 74 anos.

Aos traballos xornalísticos de Victoria Armesto, súmanse os seus libros: Historias de Nueva York (1955), Dos gallegos: Feijóo y Sarmiento (1964), Galicia Feudal (1969),Verbas galegas (1973), Herminia (1976), Los hijos cautivos de Breogán/La huella de Castelao en América (1986), Tradición y Reforma en la Vieja Coruña (1987),Apuntes para una historia del periodismo coruñés (1991) e Los liberales coruñeses(1996).

Son varios os expertos que coinciden en destacar o seu papel como divulgadora da historia, de xeito particular en Galicia Feudal –para esta obra obtivo importante documentación na súa etapa en Alemaña– e, en menor medida, nas súas biografías sobre personaxes como Feijóo e Sarmiento –dúas figuras da Ilustración en Galicia– ou Herminia Rodríguez-Borrell Feijóo. Da súa última obra, publicada en 1996, tres anos antes da súa morte, só saiu o primeiro tomo. Entre as súas afeccións literarias tamén figurou a poesía. O seu nome completo era María Victoria Felisa Carlota Antonia Fernández de España e Fernández-Latorre. Toda unha xornalista con opinión que asinou como Victoria Armesto e á que lle tería gustado facelo como Victoria Fernández.

BIBLIOGRAFÍA DE VICTORIA ARMESTO

- Historias de Nueva York. Colección Pulga. Barcelona, 1955

- Dos gallegos: Feijóo y Sarmiento. Imprenta Moret. A Coruña, 1964

Galicia Feudal. Editorial Galaxia. Vigo, 1969

Verbas galegas. Editorial Galaxia. Vigo, 1973

Herminia. La Voz de Galicia. A Coruña, 1976

Los hijos cautivos de Breogán. Edicións do Castro. Sada, 1986

Tradición y Reforma en la Vieja Coruña. Editorial Deputación de A Coruña, 1987.

Apuntes para una historia del periodismo coruñés. Instituto José Cornide de Estudios Coruñeses. A Coruña, 1991

Los liberales coruñeses. Editorial Concello de A Coruña. A Coruña, 1996.