Buscar
viernes, 19 de abril de 2024 15:17h.

'Outramente', con Pilar García Negro

A presenza das mulleres nos medios de comunicación non soe ser abundante. Alomenos no noso país, en Galicia. Os postos directivos neste sector soen recaer en homes e tampouco é moi frecuente ver firmas femininas nos espazos de opinión, onde as colaboracións son maioritariamente masculinas.

A presenza das mulleres nos medios de comunicación non soe ser abundante. Alomenos no noso país, en Galicia. Os postos directivos neste sector soen recaer en homes e tampouco é moi frecuente ver firmas femininas nos espazos de opinión, onde as colaboracións son maioritariamente masculinas. Xornal de Galicia tentou cambiar este feito e impulsou a participación activa de mulleres profesionais no funcionamento do diario -por exemplo, con María Val na subdirección ou con Lucía L. Bayo a fronte de Opinión-, e tamén tentou visibilizar nesas páxinas de análise o pensamento deste colectivo, contando con avogadas, profesoras, políticas, médicos, arquitectas... Xornal quería reforzar dese xeito a idea de que as mulleres tamén son líderes de opinión, porque a sociedade está formada por homes e mulleres, pero para ter unha visión máis ampla da realidade cómpre valorar as opinións de tod@s.

Neste contexto, Xornal tivo o privilexio de contar entre as súas firmas cunha líder de opinión de indiscutible nivel argumentativo. A chegada da profesora Pilar García Negro a Xornal de Galicia impregnou -ainda máis- as páxinas do diario de paixón pola defensa da lingua propia de Galicia a través de argumentos e razoamentos consistentes, pero tamén a través de sentimentos de pertenza a un país, a unha lingua, a uns símbolos e a uns referentes históricos. Máis aínda: moitas veces, a xa nosa Pilar deixou deixou testemuño dos seus saberes no Cafe de Redacción do diario, un foro plural no que debullábamos ideas e no que tamén nos decatamos de que a máis dun quizá lle fai falta apelar ao que John F. Kennedy denominou a fortaleza moral e intelectual que precisamos.

Durante o tempo que Pilar García Negro escribíu en Xornal, os temas máis recorrentes –aínda que non todos- foron a defensa da lingua galega ante a política lingüística impulsada polo goberno conservador da Xunta. “¿Cantos miles de páxinas non se poderían escribir a propósito da represión do idioma galego na Galiza e das súas consecuencias psicosociais?”, preguntouse en 2010 de xeito retórico García Negro nun artigo titulado “Os fillos da imposición”, no que describe con maestría a histórica situación do conflito lingüistico entre galego e castelán. Se alguén o sabía ben, ese alguén era ela: a Pilar de Xornal. A nosa.

Pilar García Negro, profesora afincada na Coruña, cidade cuna de tantos movimentos galeguistas, tamén abordou textos arredor de figuras históricas galegas como Rosalía de Castro, protagonista, por certo, da tese doctoral de Paco Rodríguez, que tamén fora colaborador de Xornal de Galicia. A nosa autora describe a poetisa de Ortoño -a carón de Brión, a miña terra- como a primeira ensaista e “feminista na sombra”. Pilar ten salientado o papel pioneiro deRosalía “no espertar dunha conciencia de xénero que se revela, lúcida e recorrente, na reflexión profunda e avanzada sobre o ser muller”. Acáelle, xa que logo, o carácter de primeira feminista galega do mesmo xeito que a condición de moderna pensadora, visionaria, heterodoxa, independente e aínda revolucionaria. Condición esta última que Pilar García Negro e moitas outras escritoras e opinadoras en medios de comunicación están convertendo en modelos de referencia para outras mulleres. Oxalá que tamén para outros xornais. Porque a Xornal matárono.

--

*José Luis Gómez foi director fundador de Xornal de Galicia, diario no que se publicaron os artigos que conforman o libro 'Outramente', no que este texto figura como prólogo da obra de Pilar García Negro.