Buscar
domingo, 05 de mayo de 2024 00:17h.
Opiniones

O árbitro chámase ‘Mafo’

O modelo financeiro español será bancario. Con todo, a letra pequena do decreto de Elena Salgado deixa en mans do Banco de España a aprobación de infinidade de cousas que darán lugar a moitas interpretacións sobre o futuro dalgunhas caixas de aforros, entre elas NCG.

O modelo financeiro español será bancario. Con todo, a letra pequena do decreto de Elena Salgado deixa en mans do Banco de España a aprobación de infinidade de cousas que darán lugar a moitas interpretacións sobre o futuro dalgunhas caixas de aforros, entre elas NCG. As medidas que se tomen con CatalunyaCaixa serán un bo termómetro para analizar a situación, xa que outras entidades quererán mirarse nela, tendo en conta que goza de importantes apoios políticos nas negociacións entre Barcelona e Madrid. Noutras palabras, por moi minucioso que pareza o decreto de Salgado, que o é, hai marxe dabondo para a interpretación e, en definitiva, para o pacto político, non estritamente financeiro. As caixas medianas e grandes terminarán sendo todas bancos e a clave para elas está en saber que porcentaxe da entidade resultante van poder controlar, o cal é de interese tanto para os seus actuais xestores como para os beneficiarios da súa obra social e cultural. Os primeiros xóganse os seus postos, xeralmente moi ben remunerados, e os segundos, unha parte do seu benestar social e cultural. Tanto é así que o Banco de España imporá restricións na obra social das caixas que non cumpran cos requisitos de capital esixidos no chamado decreto-lei de reforzamento do sistema financeiro aprobado polo Consello de Ministros o venres e que publicou este sábado o BOE. ‘Mafo’ é o árbitro. Xa que logo, é quen manda.